A igrexa parroquial de San Pedro de Bande, do século XVIII, é de estilo barroco. A súa fábrica é de robusta e espida arquitectura, ofrecendo unha gran sobriedade, o que lle imprime un aire de fortaleza. Dita austeridade tamén pode ser advertida na casa reitoral, a cal se atopa organizada ao redor dun precioso patio interior con columnas.
Esta parroquia está formada polos pobos de Bande, Buxán, Lueda, Martiñán, Recarei, Sarreaus, Seoane, Xordos e Vilameá. Caracterízase por ser o núcleo urbano do Concello e onde se desenvolven a maior parte das tarefas administrativas.
É de planta de cruz latina dividida en cinco tramos e cóbrese con bóveda de canón e arcos perpiaños que se apoian sobre pilastras. O transepto cóbrese con bóveda de cruzaría e os brazos cunha de canón.
En fronte da igrexa, a poucos metros, está a casa reitoral onde destaca o escudo que nos leva á dependencia do mosteiro de Celanova.
Estes monumentos sacros son gardados por tres impoñentes carballos centenarios. Estes aparecen reflectidos no “Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia”. E é que segundo conta a tradición popular, coa súa floración indican o tempo de sementar das patacas (carballo medio), do millo (carballo norte) e das fabas (carballo sur).