Aquis Querquennis

A Sociedade Romana: Unha pequena aproximación - AquisQuerquennis 3D

vsion 20 Maio, 2020 Non hai comentarios

A organización do Imperio Romano

Ao longo da nosa historia pasaron pola península diferentes pobos, cada un deles coa súa propia cultura e tradicións. De todos eles fomos aprendendo e arraigando certos modos de vida, pero un dos máis importantes foi o Imperio Romano.

A coñecida “romanización” é un proceso polo cal moitas rexións baixo o poder do pobo romano adquiren as súas institucións, a súa lingua, a súa cultura, roupas, arquitectura… entre outros.

Neste proxecto de «Aquis Querquennis 3D» recrearemos unha serie de escenas que reflectirán como era a vida dos distintos grupos sociais neste campamento romano. Para iso axuntaremos a tecnoloxía de dixitalización 3D, a reconstrución por medio de efectos especiais visuais e a interpretación de actores profesionais.

O tema que hoxe nos atinxe é a organización social do Imperio Romano, a cal foi implantada na Península Ibérica ao redor do ano 218 a. C. As características principais que diferencian unhas clases doutras son, fundamentalmente, os dereitos civís e políticos ou as diferenzas económicas existentes entre os membros da sociedade romana.

Os principais grupos sociais eran:

CIDADÁNS

  • Monarcas e Emperadores
  • Patricios: posuían todos os privilexios, eran cidadáns de pleno dereito. Os patricios eran as familias máis antigas, eran os fillos dos pais fundadores de Roma. Ocupaban postos maxistrais e cargos no consello do emperador ou no senado. Ademais, estáballes permitido exercer o culto.
  • Plebeos: eran todos aqueles cidadáns non considerados patricios, o grupo máis extenso. Posuían case os mesmos dereitos, podían elixir representantes e ter as súas propias institucións políticas.

Clientes: non tiñan recursos propios e poñíanse ao servizo dun patricio a cambio de alimentos e/ou diñeiro.

NON CIDADÁNS

  • Escravos: non tiñan ningún tipo de dereito. Obrigados polos seus amos para realizar os traballos máis duros. Durante o imperio romano a crueldade cos escravos chegou a ser enorme.
  • Homes libres, Libertos ou colonos: xorden pola liberación de escravos. Deixaron de ser escravos, pero continuaban sendo moi pobres, polo que traballaban as terras para sobrevivir e ademais obrigábanos a pagar impostos. Non tiñan dereito a exercer cargo público.

OUTRAS CLASES SOCIAIS

  • Cidadáns honorarios: Cidadáns que renunciaban á súa antiga nacionalidade e eran acollidos polo Imperio a cambio de obter a nacionalidade romana.
  • Membros do exército: Nun principio a maior parte do exército estaba formada por patricios ou soldados profesionais, pero a medida que o imperio creceu e os problemas tamén, fíxose necesario conseguir máis e máis efectivos, polo que comezaron a aceptarse plebeos, co cal o exército sufriu unha certa desvalorización.

A situación da muller na Antiga Roma

As mulleres formaban unha condición social en si mesma. Estaban suxeitas a uns condicionamentos sociais específicos.

É evidente, que as emperatrices non tiñan as mesmas posibilidades que as escravas, e as mulleres nadas en liberdade eran consideras cidadás romanas, pero ningunha tiña os mesmos dereitos que os homes.

Consideraban que as mulleres tiñan que estar suxeitas á autoridade legal dun home, pero tiñan liberdade de actuación. Podían ter propiedades, presentarse a xuízos ou, mesmo, emanciparse se se seguía un procedemento legal moi estrito. Aínda casadas, pertencían á súa familia de orixe polo que tiñan permitido o divorcio.

As libertas exercían traballos profesionais, mesmo da súa propiedade. As escravas adoitaban dedicarse a labores manuais ou mesmo se vían obrigadas a prostituírse.