Mansio viaria Aquis Originis: Descanso dos viaxeiros que empregaban as calzadas romanas da antigüidade.
Esta é a primeira mansión viaria que atopamos no camiño da vía XVIII (Vía Nova) do itinerario Antonino ao penetrarmos no actual territorio de Galicia, máis exactamente entre as millas 38 e 39 do citado itinerario e preto dun afloramento de augas termais na Serra do Xurés en territorio Ourensán.
A súa función principal, sería a de dar acubillo aos viaxeiros que percorrían a Vía Nova entre Brácara Augusta e Asturica Augusta.
Estas mansións xurdirían polo enorme tránsito desta calzada, que era das poucas vías de comunicación que unían varias rexións e por tanto facilitarían o comercio de materias primas tales como o ouro, que proviñan de lugares como as Medulas, na comarca do Bierzo na provincia de León.
A súa construción inicial data da época Alto Imperial, pero esta está actualmente arrasada. As partes que se conservan corresponderían a unha segunda fase edificatoria a finais do século II d. n.e. e principios do III, constatándose diversas reformas ata finais do século IV d. n.e. ou principios do V.
A súa extensión orixinal roldaría os 500 m², cun sector residencial ou pars urbana, que estaría dotado con complexos termais privados, peristilos columnados e probablemente, chans profusamente decorados con mosaicos ou pavimentos, así como pinturas decorativas nas paredes.
Na actualidade podemos ver tres espazos correspondentes á pars urbana. Quizais o máis espectacular sexa o que corresponde á zona do hipocaustum moi ben conservado e que funcionaría a modo de calefacción das estancias, así como para dar servizo á zona termal, onde quentaría o caldarium ou piscina de auga quente. Tamén podemos observar un espazo reservado á cociña e un terceiro que obedecería a un patio situado entre os dous espazos anteriores.
A vila sitúase en pleno Parque do Xurés, Reserva de Biosfera, a escasos metros do curso fluvial do Río Caldo e a moi pouca distancia dunha fermosa paraxe formada pola Corga da Fecha. O lugar probablemente foi elixido porque xusto alí emanaban augas termais, moi apreciadas polos romanos. Estas augas foron aproveitadas para crear uns fantásticos baños quentes e sistemas de calefacción que desfrutaban os habitantes da mansión. No lugar atopáronse diversas pezas, como moedas e outros obxectos de ouro e mármore. Estes achados descansan para o seu desfrute no Museo Arqueolóxico de Ourense.
Unha breve parada técnica en Aquis Origins
(Texto obtido do Centro de Interpretación Aquae Querquennae)
Transcorridos uns días de descanso e inspeccións relacionadas coa tributación ao fisco imperial, Lucio Didio Marino partiu para Bracara, percorrendo o tramo do val do Limia polo que se encaixa a Vía Nova, ata a mansión tamén quaquerna, de Aquis Originis, no Río Caldo actual.
O nome da mansión, cuxa tradución, de aceptar a versión do códice que a transmite, sería “Augas da Orixe”, resulta de etimoloxía pouco explicable, salvo que se trate dunha mala transmisión do topónimo Aquis Ocerensis do Anónimo de Ravena, que viría confirmar a dedicatoria a Ocaera, de San Joao do Campo, e o grafito coa letura Ogeresibus, aparecido recentemente en Baños de Río Caldo. Desde Aquis Querquennis a Aquis Origins hai tan só trece millas, que Lucio Didio e a súa comitiva tiñan andadas xa á hora de xantar. Os mensaxeiros imperiais anunciaran a súa chegada e todo estaba disposto para a comida. A nova mansión contaba tamén con augas termais, pero o núcleo urbano era moi reducido, polo que o edificio hostaleiro oficial campaba pola súa impoñencia dentro do conxunto.
Este atopábase a uns trescentos metros ao sur dos mananciais termais, onde, con todo, existía unha edícula dedicada a ninfeo (recentemente apareceu unha ara que o demostra), que Lucio Didio Marino quixo visitar para ofrecer a estas divindades un altar de pequenas dimensións. Con todo, preferiu tomar o baño de rigor, anterior á comida, nas excelentes instalacións termais da mansión, a pesar de que auga da piscina da súa caldarium rea quentado artificialmente hipocausto.
Concluído o xantar e, tras un breve repouso, de novo púxose en marcha o cortexo procutatorial para iniciar a difícil travesía do Xurés ata a mansión de Salaniana onde Didio Marino decidirá pasar a noite.