Interpretar e divulgar de forma correcta a vida de civilizacións anteriores sempre foi unha das maiores preocupacións dos historiadores e humanistas. Non se pode analizar unha arquitectura ou acto social pasado baixo a nosa mirada, pois se debe recrear baixo os ollos dos seus antigos cidadáns. Un exemplo bastante claro é a diferente concepción que se ten dos baños públicos hoxe en día a como se entendían na roma clásica, onde posuían unha clara función social, política e eran lugares ideais para a conversación e a relación social.
Por este motivo, o noso novo proxecto titulado “ AquisQuerquennis 3D” pretende dar a coñecer de forma correcta e o máis fiel posible a vida diaria dun campamento romano durante a construción da Vía Nova de Bande, calzada que comunicaba “Bracara Augusta” e “Asturica Augusta”, e a mansión-viaria situada a poucos metros que servía de hospedaxe para os viaxeiros da citada calzada. Para iso, se escanearán e recrearán en 3D todos os elementos arquitectónicos e estruturais da zona e se combinarán con actores reais para crear un complexo relato audiovisual.
Os principais obxectivos que queremos lograr con este proxecto son: incentivar a visita ao forte romano de Aquis Querquennis, á Porta de Bande e á Vía Nova, facilitar a interpretación didáctica das estruturas arqueolóxicas ‘in situ’, mellorar a difusión e coñecemento internacional do recurso turístico e arqueolóxico de Aquis Querquennis e introducir procesos creativos e innovadores na difusión e valoración do patrimonio local.
Antes de publicar os vídeos finais, na web poderedes gozar de todo o proceso previo á súa execución, xa que o blog irase actualizando con varios artigos que contarán o fascinante proceso desde o principio. A toma de datos, o escaneado en 3d, escenas detrás das cámaras, o making of de cada parte, fotografías do proceso, contidos informativos, curiosidades… a máis completa información sobre o proxecto.
Algunhas imaxes obtidas na primeira toma de datos:
Desta forma esperamos que desfrutedes do tan complexo (pero fermoso) traballo como é a recreación da vida e o día a día dos habitantes dun campamento anteriormente ocupado por soldados romanos. Esperamos que esta recreación contribúa á cultura da zona e dea por fin a visibilidade que merecen o sitio arqueolóxico de Aquis Querquennis e a Vía Nova.
Pero isto non é todo, tamén temos prevista a elaboración dunha aplicación móbil (que esperamos mostrarvos canto antes) para dispositivos Android e iOs coa que poderedes desfrutar dunha interacción directa grazas á tecnoloxía de códigos QR. Non esquezades seguirnos nas redes sociais, Twitter, Facebook e Instagram onde iremos actualizando semanalmente todo o contido novo que vaiamos desenvolvendo e, por suposto, lendo todas as vosas suxestións. Contamos co voso apoio!