Resulta imposible responder a todos os interrogantes que presenta un xacemento unicamente a partir dos restos materiais e estruturais recuperados nese mesmo sitio. Por iso, é necesario recorrer a descubrimentos arqueolóxicos paralelos de diverso tipo para poder realizar unha reconstrución histórica veraz das estruturas exhumadas.
Para este proxecto trataremos de elaborar a virtualización dos distintos elementos que compoñen as reconstrucións das edificacións de Bande baseándonos nas distintas documentacións achegadas polas entidades colaboradoras e no resto de evidencias histórico-arqueolóxicas dispoñibles para poder ofrecervos a vós, o noso público obxectivo, unha visión máis realista do modo en que se constrúe o patrimonio virtual.
Neste artigo queremos centrarnos en describir de forma resumida e xeral como eran a arquitectura, as técnicas construtivas e os diversos elementos que compoñen a planta de campamento Aquis Querquennis.
Materiais e técnicas construtivas
Os expertos afirman que as estruturas do recinto militar non amosan unha excesiva complexidade tanto no que se refire á técnica construtiva como ás materias primas usadas. Así, a maioría dos muros serían erixidos en granito local compactados mediante o uso de arxilas, pois non se documentaron polo momento restos de cemento antigo de ningún tipo.
Elementos como os armazóns das cubertas, portas ou contraventás serían realizados en madeira que procedería dos bosques da zona (como o carballo).
Por último, a arxila cocida permitiría a fabricación de tellas planas e curvas que servirían para cubrir a maioría das edificacións.
Planta e organización interna do sitio
O recinto de Bande presenta en planta a máis típica forma das fortificacións militares romanas dos primeiros séculos da nosa era: un rectángulo con esquinais redondeados.
A disposición das vías no interior do recinto é moi canónica neste tipo de fortificacións, distinguíndose elementos perimetrais e axiais:
- O interuallum (intervalo) sería un espazo de 11,72 m existente entre as murallas e as fachadas das construcións interiores. Ocupando parte deste ancho carril transitaría a denominada uia sagularis ou camiño perimetral interior.
- En canto ás principais arterias viarias interiores, estarían presentes as vías praetoria e decumana (duns 8 m de anchura) e as vías principalis e quintana (de 9 e 6 m de anchura respectivamente).
Esta disposición divide o espazo interior en tres áreas nominais e cinco sectores de facto:
• A praetentura, aínda non explorada arqueoloxicamente, sería a área frontal ou de vangarda do recinto.
• A retentura organizaríase de maneira parecida na retagarda do forte.
• Os latera praetorii constituían o epicentro do forte.
O sistema defensivo
As fortificacións militares romanas de época alto Imperial contaban coa presenza dun sistema defensivo caracterizado pola presenza no exterior de un ou máis fosos e no interior dun parapeto habitualmente coroado por un valado que protexía o paso de garda. As escavacións arqueolóxicas desenvolvidas ata o momento lograron exhumar aproximadamente 225 m do perímetro defensivo do recinto, algo máis dun terzo do seu total.
Sábese que as defensas básicas do mesmo estaban integradas polos seguintes elementos:• Foso: tiña unha anchura en boca duns 5 m e a súa profundidade sería duns 1,8 m en relación co chan.
• Berma: é o espazo que separaba o foso exterior da muralla interior. Tiña 1 m de anchura.
• Muralla: tratábase dunha construción duns 3 m de anchura levantada en pedra.
O núcleo da estrutura estaría composto por un potente recheo de cascallo amalgamado con arxila local. A altura máxima conservada no momento de escavarse era de aproximadamente 1 m. En principio, o perímetro defensivo estaría reforzado pola presenza de entre 12 e 14 torres, 8-10 de intervalo e 4 esquinais, das que foron escavadas respectivamente tres e tres. •De intervalo. Situábanse a tramos regulares entre as portas e os esquinais. A súa planta baixa era maciza como a propia muralla na que se integraban. • Esquinais. Os dous exemplares exhumados presentan diferentes solucións:- Torre oeste. Os seus lenzos exteriores (7-7,2 m) e interior (5,1 m) se arquean para adaptarse á curvatura das murallas.
- Torre sur. Escavada na campaña de 2014 pero non publicada aínd.
- Torre norte. Debuxa cara ao interior unha forma trapezoidal (5,1 m) e cara ao exterior.
- Porta principalis sinistra. O conxunto estaba formado por un acceso de 11,67 m dividido á metade por dúas pilastras (spinae) de 2 x 2 m. Unha pequena abertura na torre máis oriental permite deducir a existencia dun acceso a nivel do chan, á vez que un pequeno muro no exemplar occidental talvez estea a indicar a presenza dunha escaleira que comunicaría o piso baixo da torre coa primeira planta e/ou paso de garda.
- Porta traseira. Máis modesta sería esta porta, que tería uns 14,4 m de fachada. Tamén nesta ocasión se aprecia un muro medianeiro no interior dunha das torres que podería relacionarse cunha escaleira. Finalmente, unha canle procedente do interior do recinto atravesaría o van cara ao exterior.
- O cuartel xeral
- O hospital militar
- A horrea ou celeiros
- Os barracóns dos soldados
- Obradoiros e almacenes
- Fornos, latrinas, cortellos, etc.