Aquis Querquennis

Arquitectura do Aquis (II): Cuartel xeral, hospital e horrea - AquisQuerquennis 3D

vsion 21 Maio, 2020 Non hai comentarios

No artigo anterior comentabámosvos como se realizou a construción, os materiais que se utilizaron e que características tiña o campamento romano Aquis Querquennis. Se non o lestes aínda podedes botarlle unha ollada aquí.

Continuaremos comentando de forma resumida como eran a arquitectura e os diversos elementos que compoñen a planta do complexo arqueolóxico Aquis Querquennis.

Os principia ou cuartel xeral

No ordenamento clásico dunha fortificación militar permanente, os principia ocupaban unha posición central xa que era nesta edificación, na que se desenvolvían as principais actividades administrativas da unidade, e debía ter unha conexión visual directa coa porta frontal do recinto militar.

Seguindo a norma dos asentamentos militares deste tipo, os principia de Bande ocupan a posición central dentro do ordenamento do forte. Trátase dunha edificación completamente exenta, enmarcada polo trazado das uiae principalis e quintana, así como por sendos espazos de 17 metros de anchura que os separan das construcións situadas nos seus laterais. Como sucede coas outras estruturas documentadas no xacemento, os seus muros, levantados na técnica de opus incertum –aparello irregular-, atoparíanse practicamente arrasados.

A entrada a os principia atópase no centro da parede exterior do vestíbulo, tería unha anchura de 3,5 m e viría marcada polo uso de perpiaños de granito no van. Un muro de pedra marcaría os límites do patio en tres dos seus lados, servindo de sostén para columnatas que sosterían as cubertas doutros tantos pórticos. En conxunto este patio porticado que describimos ocuparía aproximadamente a metade do rectángulo central da edificación.

A continuación deste, identifícase un novo espazo de notables dimensións que contaría cunha cuberta total. Nesta basílica, pegadas ao muro de peche suroccidental do edificio, documentáronse sete estancias de desigual tamaño (officinae).

O seu pavimento, composto de gravas, area e terra, non se diferencia en exceso do localizado nos restantes habitáculos, coa excepción de que aquí se eleva 60 cm sobre o nivel dos chans de uso.
Noutras estancias, de acordo coas marcas detectadas na terra, instaláronse pisos de madeira.

Aquis Querquennis Principia
Campamento Aquis Querquennis – Cuartel Xeral (Principia)

O ualetudinarium ou hospital militar

Un dos aspectos que mellor reflicte o proceso de profesionalización do exército romano é o desenvolvemento da medicina militar. Así, os ualetudinaria apareceron co labor de coidar e illar aos soldados feridos e enfermos, evitando que tivesen que compartir aloxamento co resto da tropa. Trátase de edificacións de planta cuadrangular ou rectangular, ordenadas a partir dun patio central aberto e porticado. Habitualmente, un conxunto de estancias desenvólvese ao redor deste espazo en forma de U investida. A maioría destas serían habitacións para os soldados e poderían estar divididas pola presenza de tabiques ou biombos. Con todo, algún destes habitáculos podería usarse como residencia para o persoal sanitario ou como farmacia.

En Bande, o ualetudinarium ocupa o vértice oriental do compacto sector oeste da retentura. En planta ten unha forma rectangular case cuadrangular e a súa distribución interna é moi sinxela: ata doce habitáculos de pequeno tamaño (diversas medidas entre 2,80 e 4 m de lado) e chans de terra batida ou pisada dispóñense ao redor dun patio central porticado cuxo deambulatorio está delimitado por un estreito muro e aberto na área fronte á entrada do edificio.

Os horrea ou celeiros

A manutención das unidades militares romanas esixía un notable esforzo loxístico. Para facilitar este aspecto, existían nos fortes romanos os horrea, un tipo de edificación de planta rectangular arquitectonicamente caracterizada polos seus anchos muros, pola presenza de contrafortes ao exterior e de chans sobre elevados. Isto débese a que estas construcións se deseñaron como espazos para o almacenamento de gran, polo que había que corrixir o excesivo empuxe que provocaba o volume das mercadorías sobre as paredes laterais e evitar ao mesmo tempo aspectos como unha excesiva humidade ou a acción dos roedores.

No vértice meridional do sector oeste da retentura sitúanse os horrea ou celeiros. Este conxunto está formado por dúas edificacións de planta rectangular dispostas en paralelo e separadas por un estreito espazo. Este último sería aproveitado para a construción tanto dos contrafortes dos hórreos como dunha pequena canalización para a recollida das augas pluviais.

Polo que respecta aos horrea propiamente ditos, non se trata de edificios xemelgos, debido a que as súas dimensións totais e o ancho dos seus muros son diferentes.

Así mesmo, ambos presentan no seu interior cinco fiadas de piares tronco piramidais de pedra que permitirían elevar o piso uns 60 cm sobre o chan no caso do horreum oriental e 80 cm no occidental. Polo que se refire á técnica construtiva, a maioría dos muros foron levantados en opus incertum de granito. Os muros do horreum oriental terían uns 55 cm de ancho a excepción do lenzo situado ao oeste, que é máis estreito (46 cm). No exemplar máis occidental os muros frontal e traseiro presentan 55 cm de anchura polos 80 que ofrecen os laterais.

Mapa reconstruido Aquis querquennis
Mapa reconstruído Aquis querquennis

Fornos e Latrinas

Fornos

Fronte aos accesos dos barracóns acháronse sendas estruturas de planta circular realizadas en pedra duns 2 m de diámetro.

De acordo con outros paralelos atopados en diversas fortificacións militares europeas e peninsulares, estariamos ante os alicerces de fornos para o pan. En teoría, cada un dos barracóns debía contar co seu propio forno.

Seguindo estes mesmos paralelos non resulta complicado reconstruír a forma orixinal deste tipo de estrutura. Así, sobre os mencionados alicerces situaríase un leito uniforme de tellas ou lousas de pedra. A continuación, construiríase un pequeno muro circular de pedras e arxila local que por aproximación de fiadas conformaría unha bóveda. Esta contaría unha pequena porta ou abertura na súa parte frontal que debía cubrirse con algún tipo de cubrición ignífuga.

O mecanismo de uso é igualmente sinxelo: en primeiro lugar, acendíase un fogo no interior do forno que quentaba uniformemente as paredes do mesmo. Paso seguido, retirábanse as brasas e cinzas para introducir os alimentos para cociñar, pechándose a abertura para evitar o descenso da temperatura.

Latrinas

Para o desaugadoiro de elementos residuais podían contar cun complicado sistema de cisternas e canalizacións que permitían arroxar as mesmas fóra do recinto fortificado ou ben se procedía á súa vertedura en fosas sépticas que debían ser baleiradas frecuentemente.

Durante a campaña de 2014 foron localizadas tamén en Bande unhas latrinas nas proximidades do esquinal sur. Trátase dunha edificación de planta cuadrangular que contaría cunha canalización feita con material latericio. Con todo, non se fixeron aínda públicos máis aspectos relativos a esta construción.

Aquis Aquerquennis Letrinas
Campamento Aquis Querquennis – Latrinas

 

No seguinte e último artigos realizaremos de novo esta análise para as outras zonas do campamento nas que aínda non indagamos e completaremos finalmente o mapa.

Outras partes importantes do complexo:

  • Os barracóns dos soldados
  • Obradoiros e almacenes
  • Residencia do comandante
  • Outros barracóns e cortellos
  • Espazo extramuros
  • A Vía Nova