Construción dunha Vía Romana como a Vía Nova
Antes da chegada dos romanos á Península Ibérica, e a outras rexións de Europa, non existían estradas propiamente ditas. Si que existían camiños para o gando de pouca importancia, que unían poboados indíxenas.
A administración romana, unicamente proxectaba a construción de estradas en territorios sobre os cales tiñan pleno control, é dicir, sobre territorios previamente conquistados e pacificados. É un erro tradicional da historiografía, considerar a construción viaria como un elemento asociado á conquista militar. Si que os enxeñeiros militares realizaban construcións puntuais (Ex. construíanse pontes para cruzar ríos, que logo eran desmontados) para realizar determinados movementos tácticos durante unha batalla, pero a execución viaria cun sentido comercial, sempre a debemos asociar a unha planificación de tipo política. Existen moitas vías romanas nas que hai inscricións que aluden a determinadas lexións militares, isto non implica forzosamente que a vía fose construída por estas; moi ben podería tratarse dunha vía suxeita simplemente a unha administración militar.
A construción de estradas planificábase directamente desde Roma, pois se trataba dun asunto de carácter estratéxico de gran importancia. As máis importantes, as pavimentadas, eran construídas e mantidas polo Estado, coa colaboración das cidades e dos propietarios dos terreos que atravesaban. Son as chamadas Viae Publicae, as vías públicas. Podían ter anchuras de ata 12 metros. A xestión das calzadas estaba dirixida polo curator viarum, un funcionario do Estado encargado de que a execución da obra se levase a cabo segundo o proxecto e tamén da conservación e reparación da mesma.
Os expertos construtores sempre deseñaban as vías atendendo a un aspecto que resultaba vital: a pendente lonxitudinal. Ao tratarse de vehículos de tracción animal, unha excesiva pendente sería desastrosa para o correcto desprazamento das cargas. Os técnicos romanos sempre respectaron unha pendente máxima do 8% e só utilizaron esta porcentaxe cando era estritamente necesario, en casos puntuais e para tramos moi curtos.
No caso de que fose necesario rebaixar as pendentes do terreo nos puntos altos, realizábanse desmontes do terreo, de tal maneira que a estrada quedaba entallada e flanqueada por noiros (coma se estivese encaixada na montaña)
Técnicas de construción:
O primeiro que se tiña que determinar era o trazado da ruta, estando asignado este traballo aos mensores romanos, persoas que tiña a función que actualmente desempeña os topógrafos. Unha vez tomadas todas as medidas, os mensores sinalaban a ruta por medio de fitos (miliarios) e comezaba a construción da mesma preparando o trazado coa talla daquelas árbores que entorpeceran o camiño.
O proceso de construción dunha vía romana era o seguinte:
- Deforestación da área onde estaba proxectada a calzada.
- Explanación: achaiamento do firme ou do terreo.
- Delimitación do firme: Delimitábase a anchura da calzada mediante a construción dos bordos, que percorrían toda a lonxitude da calzada.
- Cimentación: No espazo comprendido entre os bordos, o que sería a calzada propiamente dita, estendíase pedra en bruto, denominada Herisson, creando unha capa sólida e resistente para poder soportar o peso que por ela ía discorrer (tropas militares, carros de mercadorías…). Esta capa de pedras en bruto evitaba que a calzada sufrise danos ou gretas que tivesen que estar sendo reparadas con frecuencia.
- Capas intermedias: Sobre a capa de cimentación estendíase un recheo de area ou grava, nunha ou varias capas que ían diminuíndo o seu grosor segundo se ascendía ata a máis superficial. Despois de cada recheo procedíase ao apisoado de cada unha das capas de recheo de area ou grava.
- Capa de rodadura: Era o revestimento final da superficie da calzada, no que preferiblemente se utilizaban cantos rodados apisoados mesturados con area, para formar a capa de rodadura. Utilizábanse tamén materiais de gran fino como saburras (áridos non triturados) ou xabre (area natural de granito). Este tipo de rodadura permitía unha suave circulación o que supoñía un aforro ao evitar prexuízos ou danos nas rodas dos carros de mercadorías ou nas ferraxes dos cabalos e nos carros de combate utilizados polo exército. Nas cidades ou vías importantes, as calzadas empedrábanse ou dispoñíanse pedras talladas de forma irregular.
A importancia de cada cidade dependía do nivel de accesibilidade, ou sexa do grao de centralidade dentro da rede respecto do resto de cidades. A excepcional rede de camiños permitía alcanzar velocidades de 30 quilómetros ao día para marchas a pé, velocidade que se duplicaba cando os que transitaban polo camiño eran soldados trasladándose dalgún punto do imperio a outro ou se se utilizaba algún vehículo tirado por cabalos, como unha carruaxe ou un vagón.
Coa desarticulación do imperio romano, as estradas seguirán sendo utilizadas, pero sen ningún tipo de mantemento nin xestión (as obras construtivas de maior envergadura como as pontes, quedarán en ruínas). Na época medieval, as melloras técnicas son escasas; haberá que esperar ata o século XVIII, cando de novo, desde os diferentes estados de Europa, se tomen medidas para promover a construción de novas vías.
Podedes ver este interesante vídeo realizado por Arqueomanía para aprender moito máis sobre estas construcións.