Segundo transmiten as fontes antigas, o exército romano contaba cun proceso de selección á hora de recrutar novos soldados para as lexións. Compoñíase dun exame físico, outro intelectual e un último xurídico xa que os mozos que se presentaban a esta probatio tiñan que acreditar ser cidadáns romanos. Nela observábanse determinados criterios de idade, talla e constitución:
Idade. Adoitaban escollerse recrutas con idades principalmente comprendidas entre os 17 e os 23.
Anos. No servizo no exército, dependendo do tipo de unidade militar, procurábase enrolar homes novos como soldados de tropa.
Altura. Os soldados lexionarios da época imperial debían gozar dunha envergadura suficiente. Segundo o tratadista Vegecio os criterios para as primeiras cohortes –consideradas de elite- establecíanse entre 1,71 e 1,77 m. Unha lei do ano 367 menciona que, ante a necesidade de enrolar máis soldados, rebaixaríase a talla recomendada dos 1,70 m anteriores ao 1,64 m.
Constitución e peso. Existía unha predilección polos recrutas robustos e fortes, con peitos anchos e pernas e brazos capaces de soportar traballos duros e marchas longas.
Aspecto físico. Dadas as notables fatigas ás que se sometía aos soldados é de esperar que o aspecto destes homes reflectise unha certa deterioración en contraste co que mostrarían, por exemplo, os oficiais. A pesar do seu estado polo xeral saudable, as lesións, marcas, cicatrices, a perda de dentes… serían consecuencias propias do oficio de soldado. En canto ao estilo, este caracterízase por un cabelo curto e a cara afeitada ou con barba moi curta.
Criterios respecto do equipamento militar romano
O Estado garantía a subministración básica de equipo para os soldados, cuxo custo debía descontarse da paga destes últimos. A pesar de que se procuraba que estes elementos fosen de calidade e similares, debe sinalarse que non existía no exército romano un uniforme estrito como o dos corpos militares contemporáneos.
A pesar de que o exército se preocupaba por manter uns altos estándares de calidade e producía directamente boa parte do equipo, a fabricación das pezas variaba notablemente dunha rexión a outra e estaba sometida a modas e usos locais. Debe terse en conta, ademais, que o exército romano sempre presentou unha notable predisposición á adopción de equipamento dos seus inimigos para contar cunha superior capacidade de combate e unha mellor adaptación ao medio local. Doutra banda, os soldados podían adquirir pola súa conta novas pezas ou ben adaptar e mellorar as preexistentes (xa que era considerado un símbolo de status), a condición de que isto non afectara á súa eficiencia como unidade de combate.
O lexionario ou soldado de infantaría pesada
Os principais arqueólogos estudosos do recinto militar de Bande sinalan que esta fortificación serviría como base a unha cohorte da legio VII Gemina (concretamente a terceira).
Contaban cunha vestimenta de servizo, chamada procintus, que se caracterizaba pola presenza dos seguintes elementos:
- Túnica curta (tunica): Túnica axustada por medio dun cinto que adoitaba colgar por riba dos xeonllos.
- Calzóns (bracae): Por baixo da túnica era frecuente o uso de calzóns longos de lá, a modo de pantalóns.
- Pano (focale): Anoábase un pano ao redor do pescozo ben para protexerse do frío, ben para impedir o rozamento da armadura.
- Cinto (balteus): Ademais da súa utilidade obvia, o cinto era un dos símbolos máis representativos da condición de soldado.
- Manto. Sobre a túnica vestíase un manto, do que existen dous modelos básicos no mundo militar; Sagum e Paenula.
- Fíbulas (fibulae) e fibelas (fibellae). O uso de mantos esixía a presenza dalgúns tipos de broche para manter fixa a peza de roupa sobre os ombreiros.
- Roupa interior (subligar / subligaculum). Independentemente do uso ou non de calzóns, os soldados vestían roupa interior baixo a túnica.
- Botas militares (caligae): Botas de coiro craveteadas con aparencia de sandalias. O seu deseño aberto permite a transpiración do pé, pero pode ser un inconveniente en climas húmidos, polo que podía complementarse co uso de calcetíns ou medias (udones) de lá.
As cores e a moda en época romana
No mundo romano coñecíase un bo número de tinguiduras naturais –fundamentalmente de orixe vexetal- e aínda que o uso das vermellas –como as púrpuras- asociábase frecuentemente coas clases sociais máis privilexiadas, tamén é certo que varios documentos mostran o gusto dos soldados por esa cor. Pola súa banda, os soldados da mariña preferían tonalidades azuis ou verdes. Nos actos cerimoniais as pezas brancas poderían ser un privilexio dos primeiros centurións e dos oficiais.
Deste xeito, resulta plausible crer que as pezas de vestido básicas usadas polos soldados da tropa estiveran en moitos casos sen tinguir ou ben mostraran as cores máis estendidas entre a plebe por ser as máis accesibles. As tonalidades pardentas ou os brancos rotos –pero non os amarelos, evitados polos soldados- serían frecuentes en mantos, túnicas e calzóns fabricados en lá, pero isto non quere dicir que o uso de tecidos tinguidos non estivera estendido no exército.