No artigo anterior falámosvos da indumentaria dos lexionarios ou soldados de infantaría pesada. Neste caso continuaremos por onde nos quedamos, explicando de forma máis detallada a indumentaria do resto de corpos militares que conformaban un campamento romano.
O soldado auxiliar ou infante lixeiro
En conxunto, os corpos militares auxiliares presentaban no seu equipamento unha heteroxeneidade moi superior á mostrada polos lexionarios. Isto débese, en boa medida, ao feito de que estas unidades foran recrutadas entre os diferentes pobos que habitaban o imperio cunha moi distinta finalidade táctica. Con todo, a partir de finais do século I d. C. o equipo comeza a estandarizarse, polo menos no que se refire aos corpos de infantaría, sendo en moitas ocasións difícil diferencialo do lexionario.
No actual estado da investigación, cos aloxamentos da teórica cohors III xa exhumados e con moito espazo aínda por escavar, non se pode descartar a hipótese de que no forte de Bande puidesen acantonarse –permanente ou temporalmente- tropas doutros destacamentos militares, sexan de infantaría ou cabalaría. De feito, algunhas das pezas de armamento recuperadas no xacemento poderían ser usadas tanto por lexionarios como por auxiliares.
Nun primeiro momento, os auxiliares seguirían usando pezas que reflectirían a súa procedencia xeográfica, pero cara ao período que nos ocupa, as diferenzas comezan a ser menores e apréciase unha equiparación na vestimenta.
O soldado de cabalaría
No exército romano non só existían unidades de cabalaría auxiliar, senón que as unidades lexionarias contaban tamén cun pequeno corpo montado. Non sabemos se algún destacamento de cabalaría puido estar acantonado en Bande, debido a que boa parte do forte non foi escavado aínda. Con todo, o uso de xinetes para as tarefas de exploración, vixilancia e mensaxaría sería habitual, co que a interacción con soldados da cabalaría –lexionarios ou auxiliares- sería frecuente de todos os xeitos.
En principio, a indumentaria dos soldados de cabalaría sería moi parecida á da infantaría. Algunhas das posibles variacións estudadas mencionaron que os calzóns podían ser máis longos e as túnicas máis curtas, para facilitar a equitación. Respecto ao calzado, os xinetes usarían as botas militares habituais, ás que podían engadir uns pinchos para facilitar o guiado do cabalo.
Os suboficiais (principais)
De acordo cos principios de organización do exército romano, a cada unha das seis centurias que compoñían as cohortes correspondíalle un centurión (centurio) e varios suboficiais. Grazas a diversas fontes documentais sabemos que o equipo destes militares era en varios aspectos diferente ao dos soldados rasos.
Un caso paradigmático é o dos centurións, cuxo equipo era distintivo por varios motivos. No ámbito do armamento defensivo, os seus helmos estaban coroados por unha crista transversal (crista transversa) ou ben lonxitudinal que se unía ao casco mediante un apex como o atopado en Bande. A crista en si estaría coroada con plumas de aves ou crinas de cabalo.
Un caso paradigmático é o dos centurións, cuxo equipo era distintivo por varios motivos. No ámbito do armamento defensivo, os seus helmos estaban coroados por unha crista transversal (crista transversa) ou ben lonxitudinal que se unía ao casco mediante un apex como o atopado en Bande. A crista en si estaría coroada con plumas de aves ou crinas de cabalo.
Polo que respecta á súa indumentaria, na maioría das representacións artísticas os centurións figuran co clásico sagum ou capote militar, pero nalgúns casos aparecen tamén con paludamentum, unha capa de forma rectangular suxeita ao ombreiro mediante un broche metálico. Esta peza de roupa, tinguida de escarlata ou púrpura, era característica dos comandantes e figura en moitas esculturas e relevos envolvida no brazo esquerdo.
Moitas destas características non serían privativas dos centurións, e o resto dos suboficiais – principais– portaban elementos que reflectirían as distintas funcións que debían desenvolver. Así, por exemplo, o trazo distintivo dos optiones sería unha vara duns 1,5 m aproximadamente rematada nunha bóla ou peza. A hipótese máis seguida é a que considera que este utensilio serviría para axudar a manter a formación de combate desde os rangos posteriores.

Os oficiais
Descoñecemos que oficial estaría ao cargo da guarnición de Bande. Dadas as particularidades da cadea de mando das lexións, ao cargo de cada unha das cohortes non estaría ningún oficial en concreto. O mando sobre o destacamento podería ser exercido por un amplo rango de personaxes, desde un tribuno lexionario ata un primipilar ou un centurión veterano.
Partiremos da premisa de que se tratase dun tribuno de rango ecuestre (angusticlauus). Como personaxe dunha clase social elevada –a baixa nobreza-o comandante tería dereito a lucir elementos que denotasen o seu rango. A súa indumentaria, de seu máis rica que a dos soldados, sería probablemente de cor branca, contando a súa túnica con dúas bandas lonxitudinais e estreitas de cor púrpura. Ademais, na súa man esquerda portaría un anel de ouro, concedido polo emperador como símbolo da súa posición social.
Sobre a túnica, un tribuno luciría o paludamentum, manto que revelaría a súa capacidade de mando. Nos pés, os oficiais adoitaban usar tamén un calzado diferente. En lugar das botas militares convencionais usarían calcei, un tipo de zapatos de cana baixa elaborados con coiro máis brando e confortable, cubrindo completamente a ponte do pé.

Recreación de Lexionario e Centurión Romano – Aquis Querquennis 3D – Making Of