Aquis Querquennis

O campamento romano: Un pouco de historia - AquisQuerquennis 3D

vsion 21 Maio, 2020 Non hai comentarios

Na actual provincia de Ourense a pouco máis de sete quilómetros do pobo de Bande atópase o destacado xacemento arqueolóxico da Baixa Limia, que inclúe un antigo campamento da Lexión VII Gemina e unha mansión viaria. A lexión debeu de desprazar ata alí una das súas cohortes para encargarse da construción, o mantemento e a seguridade da Vía Nova ou Vía XVIII, que unía Bracara Augusta (Braga, Portugal) con Asturica Augusta (Astorga). Ademais, servía para vixiar e controlar esta parte de Ourense, zona moi rica para os intereses dos Romanos.

Exemplo de miliario romano

O nome do campamento provén posiblemente de Aquis (augas) Quaequernos (tribo que había na zona antes dos romanos). Nas proximidades atopouse un miliario romano (especie de marca de camiños en pedra) cunha inscrición que dicía «Aquis Quaequernos». Crese que a presenza de augas termais nesa zona foi determinante para que unha guarnición romana de infantaría e cabalaría asentase alí o seu campamento. Os romanos xa coñecían as calidades deste tipo de auga e non dubidaron en aproveitar todos os beneficios deste recurso termal.

A xulgar polos resultados das escavacións, o poboado de Aquae estaría habitado entre o 75 a. C. e o 30 d. C., sendo posteriormente abandonado como campamento, permanecendo a mansión como pousada para viaxeiros ata a Idade Media, florecendo tras a marcha dos militares formándose un pobo ao seu redor, pero non conseguiu chegar aos nosos días como sucedeu con outros campamentos que se converteron nas actuais cidades e vilas.

Investigación e evolución patrimonial

As primeiras intervencións

Ao comezo dos anos 20 iniciouse a investigación das ruínas do antigo poboado de Baños de Bande cando os destacados galeguistas ourensáns Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Vicente Risco se achegan ata o lugar na compañía do avogado Farruco Pena, natural do municipio de Bande.

Seguindo as súas indicacións, os veciños da localidade abrirán unha gabia que revelará a existencia dun muro de bo aparello e algúns restos cerámicos. Desde este momento, o xacemento pasará a formar parte dos habituais catálogos eruditos da época e mesmo será visitado durante o “tour” que a Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense efectúe por esta zona en 1935. Con todo, durante esta nova década non se produciron novas intervencións no lugar. O estalido da Guerra Civil (1936-39) terminaría por dinamitar calquera empresa neste sentido e, como sucedeu en moitos outros sitios, entre os plans do goberno franquista se contemplaba a construción dun encoro nas Cunchas e o asolagamento de boa parte do val do río Limia.

https://flic.kr/p/2aGSyc9

Polo que respecta ao patrimonio arqueolóxico, as augas do encoro cubriron por completo o xacemento de “A Cibdade”, así como boa parte do trazado da antiga vía Nova (ou XVIII) que unía Braga e Astorga atravesando a provincia de Ourense. Aos poucos, o rico patrimonio arqueolóxico local caeu no esquecemento.

A volta ás escavacións

A partir dos anos 70 reiniciouse a actividade arqueolóxica tras varias décadas de esquecemento, grazas ao esforzo de A. Rodríguez Colmenero. En 1975 abríronse tres novas catas nas que comezaron a documentarse os restos do antigo recinto militar romano e do poboado extramuros. Os traballos retomáronse en 1978 e, de modo regular, continuarían durante a década de 1980, exhumándose entón boa parte do trazado amurallado – incluída a porta decumana- e varias edificacións internas –barracóns, ualetudinarium, horrea-. Estas primeiras intervencións servirían así mesmo para a formación de numerosos arqueólogos e profesionais no ámbito do Patrimonio Cultural.

Consolidación como referente patrimonial

A década de 1990 supuxo a entrada do sitio arqueolóxico nunha nova fase científica, administrativa e patrimonial. Creouse a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida por Unión Fenosa, a Universidade de Santiago, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Concello de Bande, a Deputación Provincial de Ourense e o mesmo Grupo Arqueolóxico Larouco, o que permitirá a articulación dun novo marco para a xestión do xacemento baseado nun notable respaldo institucional. Igualmente, inaugurarase o Centro de Interpretación da Vía Nova e Museo da Quarquernia.

Grupo de traballo realizando tarefas de escavación – A Rexión

A inicios do presente século, as iniciativas focalizaríanse na fortificación militar, alternándose fases de escavación con outras de consolidación e restauración. Como resultado, verán a luz os restos de edificacións como os principia (2003-2005), parte dos horrea (2006-2007) ou novos barracóns (2007-2008), á vez que se completaría a escavación doutros espazos intramuros e da mesma muralla.


Como consecuencia de todas as iniciativas, o xacemento arqueolóxico de Bande é, hoxe en día, un dos asentamentos militares romanos máis intensamente explorados da península ibérica e un dos mellor coñecidos tanto para o gran público como para a comunidade científica especializada.