Aquis Querquennis

¿Por que un campamento Romano neste lugar? - AquisQuerquennis 3D

vsion 17 Maio, 2020 Non hai comentarios

¿Por que un campamento Romano en Ourense?

Xa ben avanzado o século I da nosa era, nos tempos do emperador Vespasiano, Roma decidiu abrir unha ruta máis curta e directa entre Braga e Astorga, a chamada Via Nova, a través das terras interiores da Gallaecia, que inaugurou no ano 79, no nome do emperador Tito, o seu legado e gobernador da provincia de Hispania Citerior, Cayo Calpetano Quirinal Valerio Festo. Tratábase dunha necesidade sentida por todos os habitantes da Gallaecia, que Roma se apresurou a liquidar, non só para dar satisfacción aos indíxenas demandantes senón tamén para acelerar o proceso de urbanización destas apartadas comarcas e, ao mesmo tempo, establecer un máis idóneo control sobre os recursos mineiros da zona.

O legado en persoa, no medio dunha comitiva de máis de cen acompañantes, apareceu por estas terras para inaugurar a vía nun atardecer de agosto do ano 79. Foi aloxado no pretorio do campamento e, despois de tres días de convivencia cos soldados, partiu para Braga, retornando, unha semana despois, desde a capital do convento para Aquae Flaviae (Chaves), onde tivo que efectuar, tamén importantes inauguracións.

Miliario sinalizando a Vía Nova Romana – Aqvis Qverquennis

Foi, por tanto, debido aos labores de construción da vía que se asentou este campamento militar nas ribeiras do Limia, xa no extremo oriental do territorio dos Quarquernos, por canto eran entón os enxeñeiros e demais técnicos militares os encargados de planificar e dirixir a apertura das novas rutas oficiais de Roma.

Edificación

Por outra banda, o campamento de Aquis querquennis destaca polo coidado xeometrismo da súa planta e pola perfección do cinto defensivo que o circunvala, do que a muralla, coas súas impoñentes portas, constitúe un elemento destacado. De alta importancia é a coidadosa atención despregada durante o seu trazado e, unha vez finalizada a obra, a admiración suscitada entre todos os habitantes da comarca ante monumento tan singular. Mesmo, entre os militares da guarnición, era unánime a opinión de que superaba, tanto en eficacia como en beleza, aos establecementos de natureza similar existentes nos demais limites, a pesar de non terse empregado argamasa de cal na aliaxe dos cachotes graníticos.

Mapa zonas Aquis querquennis
Reconstrución Aquis – Vista cenital

Ao se escavar o sector setentrional da muralla atopouse, ao pé da obra, unha plomadilla cónica, con enganche de ferro para a suspensión, que algúns cren que formaba parte da groma coa que foi trazado o campamento, así como sinais de pés de polipasto, indicio dos métodos que os construtores empregaron no levantamento de muros e portas. Comprobouse tamén que o material empregado na erección das paredes foi o granito, ao mesmo tempo que se utilizou a tella para o recubrimento dos edificios principais, mentres que noutros se recorreu á palla para a mesma finalidade.