Aquis Querquennis

Relato dun descubrimento - AquisQuerquennis 3D

Relato dun descubrimento

Antonio Rodríguez Colmenero

Relato da evolución do proxecto científico no forte romano contado por Antonio Rodríguez Colmenero, Catedrático de Historia Antiga, iniciador e coordinador do proxecto de investigación en Aquis Querquennis.

Entrevista con Antonio Rodríguez Colmenero

Descubrimento e excavación do campamento

As primeiras prospeccións realizounas Florentino López Cuevillas na década de 1920, despois de visita-lo recinto o 5 de xuño de 1921 con Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e o abogado de Bande Farruco Pena. En 1949 foi asolagado polas augas do encoro das Conchas, de Fenosa (Forzas Eléctricas do Noroeste). Esta empresa autorizou as excavacións a partir de 1975, baixo a dirección de Antonio Rodríguez Colmenero durante case vinte anos, centrándose especialmente no cuadrante noroeste. A día de hoxe continúan baixo a man de Santiago Ferrer Sierra.

O campamento, que ocupaba unha extensión de 2,5 hectáreas, estaba rodeado por unha muralla con forma rectangular e esquinas redondeadas. Na mesma sobresalían torres defensivas cuadrangulares entre as portas e as esquinas. A muralla foi levantada con perpiaños pequenos de granito unidos a óso (encaixados sen cemento). Tiña 3,20 m de anchura, unha altura próxima a 5 m e estaba rematada por almenas semicilíndricas. O sistema defensivo posuía ademáis un foso exterior con forma de V, con 5 metros de anchura e 3 m aproximadamente de fondo. Contaba con catro portas monumentais das que se excavaron a Principalis Sinistra (porta principal do lado esquerdo) e a Decumana, no lado oeste. A Principalis contaba con dúas pequenas aberturas, unha de entrada e outra de saída. A Decumana era similar, pero cunha única abertura. O sistema defensivo complétase co intervallum de 11 m de anchura, un espazo de seguridade sen construccións entre a muralla e a primeira línea de edificacións.

Excaváronse cinco barracóns para a tropa ou strigia, consistentes en aliñacións afrontadas en torno a un patio central, cunha cisterna para recolle-la auga de chuvia. As estancias ou contubernia eran de terra batida, estaban divididas en dúas partes: espacio para dormir e fogares. En cada unha podían vivir oito soldados. Á entrada dos barracóns atópanse unhas bases circulares, que serían a parte de abaixo de fornos comunitarios. Hai ademáis no campamento dous horrea, ou graneiros rectangulares, que se elevarían sobre líneas de pilares de pedra e estaban delimitados por muros grosos con contrafortes externos. Tamén se encontrou un edificio de planta case cadrada, que sería o hospital ou valetudinarium, consistente en varias estancias cadradas arredor dun patio central ou compluvium. É posible que este patio contase cun peristilo de columnas de madeira asentadas sobre un muro baixo de pedra. Tamén apareceu un canal que conduciría as augas do compluvium cara o exterior do edificio.

O edificio central, que sería o cuartel xeral ou principia, ten planta rectangular. Nel encontramos un vestíbulo flanqueado por deambulatorios cubertos e abertos á fachada. A continuación, hai dúas habitacións pequenas a ambos lados, que son os posibles armamentaria, onde gardarían as armas de uso no cotidiano. Logo encóntrase un patio rectangular grande con peristilos en tres dos lados, conocido como o foro. Despois hai unha basílica á que se accede por unha entrada central grande e dous laterales máis estreitos. No fondo estaría a área sacro-administrativa, cun templo oficial ou aedes rodeado de cinco estancias, dúas polo norte e tres polo sur, que puideron se-lo tabularium ou archivo.

Tamén se excavaron as letrinas, un edificio rectangular pegado á muralla. Nelas encóntrase un canal de desaugue, unha cloaca central, e un espazo no cal se situarían uns bancos de madeira ou retretes, non conservados por ser orixinalmente de madeira.

Fóra da muralla, na área máis cara o sur, encontramos dúas bases circulares pavimentadas con tégula (tella), que probablemente fosen bases de fornos cerámicos. Tamén apareceron vestixios dunha vivenda. Neste lugar asentaríase un vicus ou cannaba, que sería un pequeno poboado coetáneo ó campamento.
Crese que a unidade militar que ocupaba Aquis Querquennis foi a Cohorte III, que dependía da Legio VII Gémina, con base en León, debido a que apareceron marcas cerámicas sobre tegula que así o confirman. Sería unha unidade con 600 soldados de infantería e de cabalería.

Fonte: Wikipedia

FUNDACIÓN AQUAE QUERQUENNAE VIA NOVA

Componse de diversos edificios, construidos en datas sucesivas, na actualidade pertencentes todos eles á Fundación Aquae Querquennae Via Nova.

O centro de interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova permanecerá cerrado temporalmente. Máis información: 988 040 127 – 988 443 001