Aquis Querquennis

Restos romanos atopados en Aquis Querquennis - AquisQuerquennis 3D

vsion 17 Maio, 2020 Non hai comentarios

Restos romanos atopados en Aquis Querquennis

As escavacións no recinto militar de Bande arroxaron un volume moi elevado de restos de cultura material que nos pode axudar a comprender como se organizaba o día a día na fortificación.

Ferramentas e outros útiles

Por diversos motivos, o volume de restos metálicos recuperados no xacemento non é excesivamente elevado. Con todo, pode identificarse unha serie de elementos que se corresponden con ferramentas de diversos tipos que estarían a reflectir, á súa vez, diferentes actividades desenvolvidas no forte.

Así, un grupo destacado relacionaríase coas actividades de cantería: está formado por dous picos de canteiro e varias cuñas de ferro. Polo momento non se atopou ningunha dolabra, un zapapico característico do exército romano que serviría tanto para cavar como para cortar.

Outra pequena peza estaría relacionada cos labores de medición topográfica propios dos agrimensores. É un pequeno peso de chumbo que formaría parte dunha groma, un aparello de nivelación que servía para comprobar aliñamentos e direccións. Pola súa banda, unha picaraña de ferro cunha argola que se identificaría como un ensamblado para tendas de campaña.

Representación de groma romana

En relación coas actividades desenvolvidas no ualetudinarium pode destacarse un conxunto de útiles: tesoiras (forceps), pinzas sinxelas (uulsella), pinzas para extracción dental (rhizagra) e escalpelo (scalpellum).

Outros elementos, como unha navalla de afeitar (nouacula) poderían remitirse máis ben ao aseo persoal.

Elementos como as chaves falaríannos da existencia de fechaduras en portas, arcas, caixas ou mobles nos que se gardarían bens de valor. Utensilios como os coitelos poderían ter un moi variado uso. Completan o repertorio de obxectos metálicos outras pezas de diversa morfoloxía e finalidade, a miúdo pouco definida (argolas, elos, cravos…).

Instrumentos de medicina usados na época romana

 

Cerámicas e vidros

En xeral, os materiais máis abundantes nunha escavación arqueolóxica son as cerámicas. No noso caso, estes elementos reflicten unha gran variedade no que respecta ás vaixelas que usaba a guarnición do forte de Bande. Así, atopámonos con pezas para o servizo de mesa, para a cociña e para a almacenaxe.

Algúns recipientes serían de gran calidade, os que se denominan “cerámicas finas”, polo xeral importadas. É o caso das terrae sigillatae, pezas fabricadas a molde, caracterizadas polo seu verniz granate, e que podían estar profusamente decoradas. Trátase na súa maioría de cuncos e pratos procedentes dos obradoiros situados en Tricio (A Rioxa). Pola súa banda, as paredes finas, de orixe zamorana, serían na súa maioría gobeletes para o consumo individual de líquidos. Máis frecuentes serían as producións finas da zona bracarense, con pezas cincentas – gobeletes e xerriñas de pastas finas – ou doutro tipo – xerras, cuncos, potas – englobadas, pintadas ou lisas.

Outro gran grupo coñécese co nome de “cerámicas comúns”. Na súa maioría serían cerámicas de cociña que se dividirían no caso de Bande en seis tipos: potas, tapadeiras, pratos englobados, xerras, morteiros e cántaros. Este feito permite supoñer que estamos diante dunha vaixela oficial, fornecida polo exército e pensada para cubrir todas as necesidades individuais e colectivas dos soldados.

Exemplos de cerámicas romanas.

Estas vaixelas completaríanse con outros utensilios de madeira – cuncos, pratos, culleres… – ou metal – cazos, tixolas, grellas… – dos que por desgraza quedan moi poucos restos arqueolóxicos.

Finalmente, convén falar de dúas producións cerámicas que revelan dúas actividades diferentes á do consumo de alimentos. Por unha banda, estarían as lucernas, lampadiñas de aceite que servirían para iluminar as estancias; por outro, as tellas que serían reutilizadas como taboleiros de xogo. Estas tabulae lusoriae servirían para xogar ao ludus latrunculorum, un dos pasatempos máis estendidos entre a soldadesca.

Exemplo de lucerna (lámpada) romana