Dificultade técnica |
Media. Sendeiro lineal |
Tipo de percorrido |
BTT, sendeirismo |
Intereses |
Paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico |
Duración |
7 horas |
Distancia total |
31 km (tramo Santa Comba – A Porte Liñares: 23km) |
Este camiño natural recibe o seu nome da Vía XVIII romana, coñecida tamén como Via Nova.
Construída durante o imperio de Vespasiano e o seu fillo Tito, a finais do século I, unía as cidades de Bracara Augusta, actual Braga en Portugal, e Asturica Augusta, a actual Astorga, na provincia de León.
O percorrido segue os pasos desta vía romana, aínda que non o seu trazado exacto, en dous segmentos separados. No suroeste da provincia, percorre desde a entrada da Vía Nova en Ourense, polo porto de Portela do Home, paso fronteirizo entre Portugal e España, ata o lugar da Saínza, onde se celebra unha particular romaría durante a que se recrea unha batalla entre “mouros e cristiáns”.
No extremo oposto de Ourense, o Camiño cambia de sentido e, partindo da Serra da Enciña da Lastra, por cuxa ladeira a vía romana accedía á actual provincia de León, a ruta ábrese paso ata o val do río Sil en cuxa compañía continúa ata chegar a Petín. Aquí, nas proximidades da localidade de A Rúa, atópase a que fora capital do pobo celta astur dos gigurros, Forum Gigurrorum.
O camiño da Vía Nova desenvólvese por un espazo de enorme interese cultural e natural; coas súas terras bañadas polo fértil río Limia, o ancestral Lethes dos romanos. Este histórico corredor verde sitúase na área de influencia do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e nas zonas naturais protexidas da Limia, territorio representativo do gran esplendor socio-cultural galaico e posuidor de magníficas paisaxes rurais que dan conta do ancestral legado humano desta terra.