Aquis Querquennis

Vía Nova: Calzada Romana entre Bracara e Augusta - AquisQuerquennis 3D

vsion 17 Maio, 2020 Non hai comentarios

A denominada vía Nova (Vía XVIII) foi un dos principais eixos viarios que articularon o territorio norpeninsular durante a Antigüidade. Dos tres grandes itinerarios descritos no Itinerario Antonino que atravesan a actual Galicia, parece que esta vía XVIII sería a de máis recente construción, pois os seus miliarios máis antigos pertencen aos anos 79- 80 d. C., cando reinaba en Roma o emperador Tito, segundo da dinastía Flavia.

A diferenza dos itinerarios XIX e XX, que conectarían Braga e Astorga atravesando o sector centro-setentrional de Galicia, ou do XVII, que describía un amplo arco polas chairas zamorana e leonesa, a vía XVIII atravesa os macizos montañosos do que hoxe son as provincias de Ourense e León e os territorios máis ao norte do veciño estado de Portugal. Chegaría ata Asturica Augusta (Astorga), onde conectaría con outros importantes eixos viarios do norte e noroeste peninsulares.

A pesar de que aínda persisten puntos escuros na determinación do seu trazado, pódese dicir que este xa era, desde hai tempo e en conxunto, bastante ben coñecido en comparación co de outras grandes vías romanas de Galicia.

A orientación xeral do trazado neste tramo, suxéitase á dirección S.O- N-E.

Mansio Millas romanas Poboacións actuais estimadas

 

Distancias á orixe (millas)
Bracara Augusta – Braga (Portugal)

 

Saliniana XXI Portela del Homem (Portugal)

 

21
Aquis Originis XVIII Baños de Riocaldo (Lobios, Ourense)

 

39
Aquis Querquennis XIV Baños de Bande (Bande, Ourense)

 

53
Geminas XVI Sandiás (Ourense)

 

69
Salientibus XVIII Baños de Molgas (Orense)

 

87
Praesidio XVIII O Burgo (Ourense)

 

105
Nemetobriga XIII Mendoia (A Pobra de Trives, Ourense)

 

118
Foro XIX A Rúa de Valdeorras-A Cigarrosa (Ourense)

 

137
Gemestario XVIII Portela de Aguiar (El Bierzo, León)

 

155
Castro Bergidum XIII Castro Ventosa-Cacabelos (El Bierzo, León)

 

168
Interamnium Flauium XX San Román de Bembibre(El Bierzo, León)

 

188
Asturica Augusta XXX Astorga (León)

 

218

 

Deste xeito sabemos que a vía atravesaba o río Limia á altura de Pontepedriña -onde se documentou unha ponte romana hoxe baixo as augas do encoro das Cunchas- e que continuaría pola vertente setentrional do val, pasando polas inmediacións do forte romano. Aquí, nas proximidades dos nacentes termais, construiríase a mansión, un albergue ou venda que recibiría o nome de Aquae Querquennae. A continuación, a Vía nova atravesaría o río Cadós para encamiñarse cara a Sandiás seguindo o val do Limia.

Dependendo da zona, a vía mostra unha anchura de entre 5 e 7 m, sendo a súa técnica construtiva moi sinxela. En primeiro lugar, rozaríase a área destinada ao seu trazado, explanándose e nivelándose a continuación o terreo. Naqueles casos nos que a vía transitase por un terreo desigual ou a media ladeira serían necesarios desmontes ou terraplenados, constatándose no caso desta vía unha preferencia por esta última solución, máis rápida e económica.

O seguinte paso sería a delimitación do trazado estrito mediante a escavación nos seus laterais de sendas gabias destinadas á recollida das augas de escorredura. Só entón comezaría a cimentarse a vía propiamente dita. Primeiro construiríase unha capa de pedras de mediano e pequeno tamaño que, a modo de plataforma, elevara o piso e facilitara a drenaxe. Cubriríana outros depósitos de area e gravas ata chegar á capa de rodadura, que podía adoptar moi distintas solucións.

Desgraciadamente, a Vía Nova atopábase moi deteriorada no momento da súa posta en valor, polo que non é posible definir con exactitude como serían os seus depósitos superiores. Ademais, é moi posible que, co paso do tempo e os constantes parcheados, o seu aspecto variara notablemente con respecto ao momento de fundación.

A pesar de atravesar frecuentemente terreos montañosos, a vía presenta un trazado suave, tendente á horizontalidade, evitando pendentes elevadas ou abruptas –documentouse unha pendente máxima de 5,5-6º-. Tenta ademais adaptarse ao terreo, debuxando con frecuencia numerosas curvas e rodeos para superar as condicións topográficas locais.